Panorámica
     
 

As cruces de pedra en Ares

        Agora, en tempo de cruces, da Cruz, lembro aquelas palabras de Castelao, cando o lía nos meus anos mozos:”Onde hai un cruceiro cáseque sempre houbo un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo descer un perdón do ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo sentimento de quen o fixo”;”Os cruceiros póñense nas encrucilladas dos camiños, nas proximidades dos santuarios…” “A nosa xente reserva o nome de “cruceiro” para o contenente de pedra, composto de gradas, basa, fuste e capitel e cruz na cima, con máis ou menos esculturas e máis ou menos ornamentación…”Estas cita están tomadas de “As cruces de pedra na Galiza”. Este libro e “As cruces de pedra na Bretaña”, son dúas fermosas obras que recomendo a quen queira gozar un pouco co tema que nos ocupa. E nunca mellor tempo que a Semana Santa para falar de cruces, ainda que sexan de pedra.

        Si os cruceiros son oración feita arte, hai outras cruces, máis sinxelas e humildes na súa feitura que responden á mesma expresión de fe ou relixiosidade e tamén son merecedoras da nosa atención..

        Nos arredores de Ares temos mostras destes fermosos conxuntos que podemos contemplar  na viaxe a Ferrol. Mugardos, Lodairo, Cabanas, Fene… Pero aquí, en Ares, no noso concello, as poucas que hai datan de hai poucos anos quedando outras na memoria.

         Sempre me preguntei por que Ares un lugar belo sen dúbida, cun importante número de santuarios(capela de San Andrés e de San Xoán de Arruxo, xa desaparecidas) non conta con algún exemplar destacado destas cruces pétreas que se atopan ao longo e ancho da nosa xeografía. Supoño que isto non ten que ver con que o granito, ou “cantería” como dicimos os aresanos, materia prima destas obras de arte, agrome na nosa terra só polos cumes e abas de Montefaro. Pero si hai algunha mostra de cruces e cruceiros que nos permíten contemplar esta faceta artistica do noso patrimonio monumental. Hai que engadir que as dúas máis impoñentes obras escultoricas destas cruces atópanse desaparecidas e, tristemente, por derrubamento  ou abandono.

    O primeiro que hai que salientar destes monumentos, quizáis o máis representativo dos nosos e coñecido como “cruceiro parroquial”, foi derrubado durante a guerra civil de 1936-39. As persoas que viviron o episodio contan  historias sobre a súa custodia, cordas e xentes que o botaron abaixo… Del sabemos que fora construido en 1710  por orde do capitán Baamonde, de familia señorial da vila, como promesa en acción de guerra. Quedemos con que era un fermoso exemplar de cruceiro,  e que non estaría de máis que se repuxese unha obra similar no sitio que pertinente (Mugardos conserva os de O Cristo e Lodairo). Podemos admiralo a través dalgunha testemuña gráfica  onde podemos apreciar a súa beleza e situación. Parece ser que o mesmo destino sufriría outro cruceiro en Cervás según crónicas daquel tempo..

    Tamén xa desparecido hai que sinalar o que se atopaba nas inmediacións do mosteiro de Sta. Catalina de Montefaro. Del dise en 1864, cando nesta institución funcionaba unha escola primaria, a pesar do estado de deterioro do edificio, “el crucero que señalaba la entrada de los dominios del monasterio yace derribado y roto…” Posiblemente o que nos quede desta obra monumental sexan as gradas que serviron de soporte ao mastro da bandeira española na súa época de establecemento militar. De ser isto certo , esbozarian unha obra de gran porte e finura .

   Quédanos tamén deste edificio conventual  unha peza que presenta unha particular beleza, Para disfrutar dela temos que desprazarnos á cidade da Coruña, ao Museo Arqueolóxico Provincial no Castelo de San Antón. Ali, xunto a outras testemuñas graniticas do noso pasado, atópase a cruz acrótera do Mosteiro. Unha cruz vencellada á simboloxía dos Andrade, baseada cun porco bravo, un pequeño fuste e que pode ser considerada no conxunto como un orixinal cruceiro, botándolle un pouco de imaxinación.

   Aínda  érguense algúns fustes aos que se engadiu unha cruz sinxela. Tal é o caso do que hai nas proximidades da Ermida da Mercé de Chanteiro e outro, en Redes. Este semella ter parte das gradas soterradas e amosa unha ménsula que podería ser posterior. Curiosa a cruz de ferro engadida.

  Hai en cambio “cruces soltas”, que poderiamos chamar así xa que,  formando parte outrora de obras completas, áchanse desaparecidos os demais elementos. Así sucede cunha peza exposta nunha vivenda de San Xoán de Arruxo, tamén coa súa lenda  dun arma de fogo para explicar a súa fractura, e que  debeu ser unha obra de gran porte e beleza.

  Outra destas “cruces soltas” podemos admirala no cemiterio, encetada nunhas pequenas gradas, e que conserva nas proximidades un curioso exemplar, e este si parece estar realizado na pedra do país , a nosa, e casi completo. Del xa teño falado nalgunhas ocasións. A súa cruz coroa a entrada do cemiterio parroquial e o seu fuste e chanzos repártense ao longo da porta de acceso. Algúns sitúan este cruceiro na antiga capela de San Andrés de Ares, na rúa do mesmo nome..

  Non podemos esquecer unha pequena pedra, no cruzamento de Lubre próximo á antiga igrexa parroquial, algún tempo desaparecida, de orixe descoñecida e que sempre foi obxecto das mostras da devoción popular. Hoxe, como unha pequena homenaxe, forma parte  dun ejemplar moderno de cruceiro. Matinando nela,a min ocurreseme que ben podería formar parte dunha construcción xa perdida (probablemente un peto de ánimas, (¿))

 E tamén en Lubre, na sacristia, atópase unha peza  atopada no arranxo que se fixera na igrexa de Lubre  oculta no altar maior. Esta escultura parece un cristo mutilado que formaría parte dun cruceiro, polo forte desgaste que presenta. O desaparecido cruceiro da igrexa de Lubre?

  Algúns particulares fixéronse eco desta monumentalidade, e por esta razón ou por outros motivos de índole persoal,  colocaron na súa leira algún exemplar destas cruces nosas. Tal é o caso do que pode observarse, desde o paseo marítimo, na vivenda denominada O Alfolí e que permite apreciar, desde a distancia, a súa singular beleza.

O mesmo acaece no Porto a escasos metros do anterior e noutra vivenda que se abeira ao mar A peza está  ubicada na súa parte posterior ao paseo marítimo.

  Pouco antes de finalizar este escrito, en ruta até Chanteiro, apreciei desde a estrada unha casa con solar da que sobresae outro exemplar de cruceiro, posiblemente a última mostra desta nobre arte da pedra que se erixe na nosa localidade.

Quedábamos por facer mención a unha pequena e humilde cruz, tamén de pedra,e que da nome á praia onde se atopa ubicada. É  a única testemuña dun acontecemento triste, de morte, e que soterrada como está, parece que quere fuxir da memoria de morte que da pé a súa existencia.

Posiblemente quede algunha sen apuntar, por ignorancia ou esquecemento. Pero , a pedra, os diferentes tipos de pedra, busca a través de todas elas a súa elevación cara ao ceo coma unha oración da terra mentada polos amuados beizos dos homes e mulleres desta terra.

Remato cunhas hermosas verbas de Ramón Cabanillas do libro “As Cruces de Pedra na Galiza”:


                       “ Cando a pedra dormida e acochada
                          Da terra nai no garimoso seo
                          Desperta do seu sono milenario
                          E quer ser oración e pensamento,
                          Frorece nun varal,estende os brazos,
                          E póndose en pé faise cruceiro.”

 

 E por hoxe, nada máis. Que as cruces de pedra fágannos pensar un pouco nos nosos, no que somos e no que seremos. Feliz Pascua de Resurrección a todos.

 

                         Xavier Vilasánchez Martinez. - SEMANA SANTA 2011